ZOADEIRA
Obra realizada dentro en residencia para o festival HabitarDradros (Chandrexa da Queixa, Ourense)
Zoadeira é unha peza performativa creada durante a residencia artística do Festival HabitarDrados, no rural ourensán. A obra parte da investigación arredor da zoadeira como artefacto sonoro e das súas posibilidades para pensar o acompañamento, a memoria e o duelo, pero que durante o proceso de residencia desprazouse cara a unha reflexión sobre a desaparición dun lugar e das formas de vida que o habitaron.
A partir de materiais encontrados na propia contorna construín diferentes zoadeiras e, ao longo dos encontros coa veciñanza, recollín frases e lembranzas de Hortensia, Sinda e Carmiña, tres das últimas habitantes de Drados. As súas palabras, atravesadas pola pena, a nostalxia e a morriña polo que foi e xa non é, pero tamén pola experiencia de habitar hoxe unha aldea practicamente baleira, convertéronse nunha parte fundamental da peza.
A acción tivo lugar no Curro de Fidel, un espazo marxinal da aldea que foi transformado temporalmente nun lugar ritual. O público debía entrar no recinto zoando como unha abella e atravesar un corredor no que penduraban diferentes zoadeiras. Ao final do percorrido, ante un grupo reducido de seis persoas, comezaba a acción. Sentado fronte a elas, facía soar unha zoadeira mentres recitaba fragmentos das palabras recollidas durante os encontros coa veciñanza.
O zumbido constrúese como un exercicio de sostemento mutuo. O son só pode permanecer mentres alguén continúa facéndoo soar, polo que cada persoa debe manter a súa acción e, ao mesmo tempo, depender da presenza das demais para que o zumbido colectivo non desapareza. A peza propón así o son como unha forma de coidado: sostemos o son porque nos sostemos entre nós.
As zoadeiras penduradas ao longo do percorrido adquiren tamén unha dimensión simbólica. Son sons que poderían existir pero que permanecen en silencio porque xa non hai quen os active; como as propias persoas que foron desaparecendo da aldea, permanecen como presenzas suspendidas nun lugar que pouco a pouco perde os corpos que lle daban vida.
Drados pasou de contar con máis de cen habitantes no século pasado a ter actualmente apenas catro. Neste contexto, Zoadeira acabou converténdose nun acompañamento á morte dun espazo, pero tamén nun exercicio de activación da súa presenza. A través do son, das palabras das súas habitantes e da ocupación ritual do lugar, a peza fai aparecer aquilo que está a desaparecer e abre unha pregunta sobre o presente: que estamos facendo co rural, que formas de vida estamos deixando desaparecer e que implica habitar un territorio cando xa case non quedan persoas para facelo soar?
O zumbido funciona así como un fío entre presenza e ausencia, entre memoria e presente. Un son pequeno e persistente que precisa ser sostido colectivamente para non desaparecer.